Sunday 19 de May de 2024

A Gala do Deporte de Lousame premiará a máis de 40 persoas e entidades deportivas locais mañá venres na Casa da Cultura


 

O Club Lousame Deporte presentará a súa nova sección de montañismo

Casa da Cultura de Lousame acollerá mañá venres 14 de decembro, ás 20:30 horas, a Gala do Deporte, un evento organizado polo Club Lousame Deporte e o Concello de Lousame no que serán recoñecidos máis de corenta deportistas e entidades deportivas locais. “Lousame é un concello de deporte e nós queremos premiar ao deportista local para recoñecer o traballo que fai no seu día a día”, explica o presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero.

A gala, presentada polo mago Cayetano Lledó, está aberta á asistencia de toda a veciñanza e estruturarase en seis bloques, de acordo coa categoría dos premios a entregar:

– Persoas que colaboran na organización das actividades deportivas municipais.
– Motor, “onde temos representantes en rallie de asfalto, rallie mix, motos, autocross”, apunta Néstor Romero.
– Proxección deportiva, para premiar ao deporte de base.
– Mencións especiais ás persoas que traballan polo deporte en Lousame.
– Mellores deportivas locais de 2018.

Montañismo

Por outra banda, o Club Lousame Deporte aproveitará esta gala para presentar a súa nova sección de montañismo, que abrirá proximamente. “Sabemos que hai un grupo de rapaces e rapazas de Lousame que se iniciaron no montañismo e están moi enganchados co tema”, apunta Néstor Romero, “polo que estamos traballando para que se podan federar connosco aquí”. Neste sentido, explica que “o Club Lousame Deporte é un club aberto a todo tipo de proposicións que nos fagan e está aberto a todo o mundo”.